Máis de 300 cans daranse cita esta fin de semana na Exposición Canina Internacional de Ponte Caldelas
Por Redacción
A segunda edición da Exposición Canina Internacional de Ponte Caldelas chega esta fin de semana á localidade batendo todos os récords. Xuntará no pavillón municipal máis de 300 cans, algúns deles de razas moi difíciles de ver.
A exposición, organizada polo Concello coa colaboración do Kennel Club España, terá este ano cans procedentes de España, Portugal, Francia, Inglaterra, Alemaña e Holanda, entre outros países. En moitos casos, chegan como campións internacionais de beleza.
O alcalde, Andrés Díaz; Sara Casal, da directiva do Kennel Club; e o concelleiro José Manuel Martínez presentaron este mércores o evento. Acompañábanos dous exemplares de bulldog inglés e staffordshire bullterrier que van a participar no certame.
A exposición celebrarase durante esta fin de semana. O sábado, día 9, comeza a partir das 15.00 horas con dous monográficos: o certame Bulldog do Ano (evento no que só participan animais xa clasificados en competicións previas, e que serán valorados por tres xuíces) e a exposición de Staffordshire Bullterrier.
O domingo, 9 de decembro, é o día asignado á Exposición Internacional, proba puntuable para os campionatos de España e Internacional. Celébrase en horario de mañá a partir das 10 horas.
O evento terá xuíces internacionais procedentes de Inglaterra, Rusia, Suecia e España, como Paul Seal, Elena Maximova, John Sargeant e Dean Cund. Ademais, será a primeira vez que se poida ver competindo en Galicia aos mini aussie (pastor australiano) e aos biewer rusos. Con eles haberá bulldogs americanos, american bullies, barbados de Terceira, ratoneiros valenciáns, terrier negros ruso e schnauzers xigante, entre outras.
A Exposición Canina Internacional de Ponte Caldelas é puntuable para os campionatos de Europa, de España e de Galicia. Outórgase un punto en cada un deles para os gañadores de cada raza. Os campionatos asígnanse ao titular de 6 puntos colleitados en distintos certames, o que dá idea da importancia deste evento para os criadores e explica a elevada inscrición.