O "éxito" de Pontevedra, segundo Fernando Nebot, é que "no hay tensión" no uso do espazo público
Por Alejandro Espiño
Se o modelo urbano de Pontevedra "marcha tan bien y ha durado tanto", segundo o experto en mobilidade Fernando Nebot, é porque "fue asumido" polos cidadáns, a pesar de que cada un deles teña "su opinión, su matiz y su crítica".
É a principal reflexión que Nebot, autor do borrador da nova ordenanza de utilización de espazos públicos e mobilidade amable de Pontevedra, normativa que pretende substituír á normativa actual en vigor desde 1987, fixo este martes á súa chegada á cidade.
Un diálogo que manterá con César Mosquera dentro dunhas horas (Sexto Edificio do Museo, 19.00 horas) dará continuidade ao ciclo Urbtopías, un espazo de debate e reflexión sobre o deseño urbano e a mobilidade das cidades.
Ademais, Fernando Nebot tamén acudiu á comisión de Mobilidade e Infraestruturas, para explicar aos membros da corporación o contido do extenso documento de case 300 páxinas que servirá de base para a redacción da futura ordenanza.
A este respecto, Nebot defendeu que Pontevedra parte dunha realidade "muy avanzada" e que as achegas que realiza no seu estudo, que inclúe unhas 25 recomendacións, permiten completar un "artesanado" xa desenvolto na cidade, "puntero en algunas cuestiones", e completalo cos "retoques finales".
Este experto defendeu que todas as cidades, independentemente do seu tamaño, deben apostar, do mesmo xeito que Pontevedra, por "invertir sus prioridades" e darlle preferencia aos peóns no uso do espazo público, reducindo o risco que provocan os vehículos a motor coa súa circulación.
Unha vez que os cidadáns "interiorizan" esta filosofía, engadiu, créase un estado de "convivencia y respeto mutuo". Ese é, segundo Fernando Nebot, o "éxito" de Pontevedra, onde entende que "no hay tensión" no uso do espazo público.
De cara o futuro, Nebot propón, tal e como recolle o seu estudo, que a velocidade máxima da circulación nas rúas de plataforma única ou preferencia peonil, como poden ser Michelena, Gutiérrez Mellado, Cruz Gallástegui ou Riestra, sexa de 10 quilómetros por hora para todo tipo de vehículos, incluídas as bicicletas.
No resto da cidade, explicou, as bicicletas deberían ir pola calzada porque "se arbitraron las condiciones adecuadas" para que a seguridade sexa "muy alta" para este tipo de vehículos. Ademais, propón que se prohiba que os patinetes eléctricos, monociclos ou segways poidan circular polas beirarrúas ou por áreas peonís.
Relacionadas:
-
O pobo viquingo de Roskilde busca en Pontevedra o valor que lles falta para petonalizar a súa cidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Stuttgart, Ámsterdam e Dublín miran cara o modelo urbano de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra ten "un gran porvenir", segundo Joan Busquets, porque ofrece "calidad de vida"
Por Alejandro Espiño |
-
Expertas en urbanismo reclaman deseñar as cidades desde unha perspectiva feminista
Por Alejandro Espiño |
-
Expertos en creación analizan a cultura como motor das cidades
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Joan Clos dialoga con Lores sobre deseño urbano no inicio do ciclo 'Urbtopías'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O estudo encargado polo Concello propón 'zona 10' para coches e bicis en rúas de plataforma única
Por Alejandro Espiño |