O estraño caso de Nodosafer, unha empresa que medra e crea emprego
Por Oskar Viéitez
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, visitou este xoves a empresa Nodosafer en Pontevedra, dedicada á fabricación e reparación de maquinaria especializada para diferentes sectores, especialmente o do granito.
Aguilera salientou que a mellora continua mediante a incorporación de novas tecnoloxías é unha das claves para que as empresas poidan medrar e crear emprego a outra sería a internacionalización.
O director xeral do Igape comprobou a recente renovación dunha parte das súas maquinarias por parte de Nodosafer subliñando que esta mellora tecnolóxica na substitución dos equipos, contou co apoio do Igape ao abeiro da liña para facilitar investimentos tecnolóxicos nas pemes, e ten permitido o incremento da súa competitividade e do volume de emprego.
Non en van, a empresa aumentou nun 24% o número de traballadores no último ano, pasando de 33 empregados ata os 41 que suma na actualidade.
A esta mellora competitiva, comentou Aguilera, contribuíu tamén ao incremento das exportacións, que no último exercicio acadaron case o 40% da produción da empresa.