As xeadas e baixas temperaturas obrigan a medidas extra para garantir a seguridade nas estradas provinciais
Por Redacción
As xeadas que se están a rexistrar nas estradas da provincia de Pontevedra durante estes días a causa das baixas temperaturas levaron á Deputación a adoptar medidas excepcionais. O departamento de Mobilidade fixo un novo aprovisionamento de sal para esparexelo de modo preventivo nas vías da rede provincial.
Segundo os datos facilitados pola Deputación, na mañá deste martes as brigadas traballaron segundo o protocolo fundamentalmente na zona Centro e na zona Sur, e na zona Norte na tarde deste luns.
Nas primeiras horas do día estiveron atendendo avisos na zona de Sanxenxo, Meaño, Meis e Vilanova, ademais de en Barro, Soutomaior ou Catoira, zonas pouco habituais nese tipo de incidencias a causa do frío e as xeadas que, sen embargo, estes días están a necesitar actuacións preventivas porque as placas de xeo estanse a formar en zonas de val en lugar de en zonas altas. Tamén se están a realizar diariamente percorridos polos concellos do interior na parte Norte, cubrindo todas as zonas máis complicadas.
En total subministraron aos parques base das brigadas de mantemento e conservación outras 125 toneladas de sal, que se suman ás máis de cen coas que se iniciou a tempada de inverno.
Ademais, a curto prazo mantense a orde de que as brigadas da zona Norte e Sur saian polas tardes e noites -habitualmente só o fan polas mañás- de maneira extraordinaria para facer actuacións preventivas e garantir a seguranza viaria.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, indicou que se destinarán 20 novas toneladas de sal ao parque de Pontevedra, outras 25 a Ponteareas, 25 a Lalín, 50 a Codeseda e 5 a Gondomar. Non se descarta ter que facer novas reposicións de sal en función da climatoloxía, xa que a Deputación explica que non é operativo adquirir un subministro excesivo porque estrágase ao estar almacenado.