O TSXG rexeita recoñecer como indefinida unha traballadora eventual do Sergas que cubría gardas médicas
Por Redacción
A Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG acolleu o recurso de apelación interposto polo Sergas contra unha sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra que obrigaba á Administración a recoñecer unha traballadora como persoal indefinido, asimilado ao persoal interino.
O alto tribunal galego revogou a sentenza de primeira instancia e confirmou a resolución do 12 de abril de 2017 da Gerencia desta área sanitaria na que se lle denegaba á traballadora a súa petición de conversión dos seus nomeamentos eventuais de longa duración en interinos.
"Nin a necesidade é permanente nin as tarefas para desenvolver polos nomeados alcanzan a todas as funcións da praza, senón só a parte de elas", dí a sentenza
A demandante, segundo consta na sentenza, desde o ano 2014 ata o 31 de decembro de 2016 prestou servizos na área sanitaria de Pontevedra baixo a modalidade de nomeamentos eventuais de duración determinada para gardas médicas continuadas. O TSXG argumenta na resolución que para que poida "reputarse inxustificada e fraudulenta tal práctica" debe demostrarse "unha necesidade que faría precisa a creación dunha praza estrutural no persoal do centro", polo que "non basta coa existencia de sucesivos contratos ou nomeamentos temporais celebrados cun mesmo empregado".
Os maxistrados explican que durante esas datas parte do persoal fixo se amparou na posibilidade de exención das gardas por razón de idade, a partir dos 55 anos, ou estado de saúde con base nos acordos do Sergas coas organizacións sindicais. "Trátase da cobertura dunha necesidade conxuntural, e non estrutural, porque se o persoal fixo decidise non eximirse e realizar as gardas que lle correspondesen, non sería preciso acudir ao nomeamento eventual para garantir o funcionamento permanente e continuado do centro sanitario", destaca o TSXG. Os maxistrados sinalan que pode haber épocas en que ninguén se exima da realización de gardas, polo que sería "innecesario" recorrer a nomeamentos eventuais.
"Nin a necesidade é permanente nin as tarefas para desenvolver polos nomeados alcanzan a todas as funcións da praza, senón só a parte de elas", subliña a Sala, á vez que indica que, a pesar da "aparencia" que se produce cos nomeamentos eventuais sucesivos da actora durante dous anos e medio consecutivos, "non pode falarse de cobertura de necesidade permanente nin de fraude".
O TSXG sostén que este caso non é homologable, como pide a demandante, a aqueles examinados nas sentenzas do 14 de setembro de 2016 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea. "No agora analizado a praza existe e o titular que a ocupa tamén. O único que sucede é que unha parte das funcións desa praza, as relativas á realización de gardas médicas, non son efectuadas polo titular porque, sendo maior de 55 anos, ampárase nos acordos entre o Sergas e os sindicatos para eximirse delas, polo que o persoal temporal non realiza de modo permanente e estable todas as funcións da actividade normal ou ordinaria dunha praza de persoal estatutario fixo, senón só as extraordinarias".
A única finalidade perseguida pola Administración, segundo o tribunal, era "o correcto funcionamento do servizo público sanitario". Ademais, rexeita que se produza unha situación de "desamparo, incerteza e inseguridade", pois a demandante "desde o principio coñecía que os nomeamentos son de seis meses e que se produciría a renovación mentres persistise a necesidade conxuntural de cobertura da realización de gardas por eximirse o persoal facultativo".