Mosquera anuncia un plan de transporte urbano "pioneiro e modélico" para Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Concello presentará " nas próximas semanas" un plan de transporte urbano que, segundo o concelleiro de Ordenación do territorio, César Mosquera, será "pioneiro e modélico" e que cubrirá tanto o centro urbano como as parroquias do rural, a pesar que segundo o goberno municipal isto último "non é cousa nosa" senón da Xunta de Galicia.
Mosquera realizou este anuncio durante o debate dunha moción presentada polo PP no pleno da corporación, na que instaban ao Concello a activar os mecanismos necesarios para a posta en marcha do servizo de transporte público na cidade e definir as liñas de autobuses que discorren por Pontevedra e que están atendidas por concesións autonómicas.
Os populares lamentaron, por boca do seu portavoz, que Pontevedra careza de transporte urbano, algo que segundo Rafa Domínguez caracteriza a unha cidade "moderna" e que ao seu xuízo é unha "necesidad" desde o punto de vista económico, ecolóxico e de redución do tráfico.
"Me da vergüenza que Pontevedra sea una ciudad sin transporte y que el alcalde diga que no lo necesita", sinalou Domínguez, que engadiu que se o BNG "no tiene fuerzas" para implantar este servizo "que se vayan".
Pola súa banda, o edil nacionalista reiterou que Pontevedra si ten transporte urbano e aclarou que "o que pasa é que non é municipal". César Mosquera rexeitou "poñer autobuses dando voltas por onde non ten sentido" e avogou por buscar solucións " máis eficaces e satisfactorias" para os propios usuarios.
Así, Mosquera lembrou que Bruxelas concedeu a Pontevedra uns 300.000 euros en fondos europeos para deseñar un plan de transporte que, en principio, tería o seu eixo nun servizo a demanda e que o Concello presentará á Xunta de Galicia.
"Non vai a ser este modelo que vostedes propoñen", advertiu o concelleiro do BNG aos populares, aos que explicou que buscar alternativas de transporte "a piñón fixo" é un "erro" que Pontevedra non cometerá.
A moción do PP, en todo caso, foi aprobada por maioría da corporación, ao recibir o respaldo dos seis edís de PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns. Só o BNG votou en contra.