Absolven dous acusados por un accidente laboral no que unha cociñeira sufriu queimaduras graves no 35% do corpo
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra acaba de absolver dúas persoas que sentaron no banco dos acusados pola súa responsabilidade nun accidente laboral sufrido por unha cociñeira da escola infantil A Galiña Azul de Moraña no que acabou con queimaduras graves no 35% do seu corpo ao caerlle enriba varias potas que tiña ao lume.
No banco dos acusados sentaran Roberto Rodríguez Martínez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia no momento do accidente como responsable da xestión desta escola infantil de titularidade pública porque o organismo que dirixía non realizou ningún plan de prevención de riscos do centro e tamén o propietario da empresa para a que traballaba, Francisco Javier. F.Ch.
O fiscal pedía a súa condena como autores dun delito de lesións imprudentes e outro contra os dereitos dos traballadores e reclamaba nun primeiro momento para os dous unha condena de dous anos de prisión e que indemnizasen a prexudicada coas sumas de 40.000 euros polos días de curación, 50.000 euros polas secuelas e 50.000 euros pola incapacidade permanente para o traballo que lle quedou. Xa antes do xuízo, a muller foi indemnizada en 120.000 euros, de modo que ela non reclamaba responsabilidade ningunha e o fiscal decidiu modificar as súas conclusións iniciais reducindo a petición. Finalmente, o xuíz decidiu absolvelos.
Os feitos remóntase a nove anos atrás, ao día 4 de decembro de 2009, cando a vítima traballaba como cociñeira dunha empresa externa e prestaba servizo na citada escola infantil. Ese día tiña ao lume tres potas e aproveitou para limpar o forno, de xeito que se apoiou na porta deste. Nese momento, a cociña desequilibrouse e o contido das tarteiras caeu sobre ela.
Segundo declara probado o xuíz, Miguel Aramburu, a consecuencia deste feito, e dado que o contido das potas estaba a alta temperatura, tivo queimaduras graves no 35% do corpo e precisou tratamento cirúrxico, enxertos e plastia e zetaplastia, así como tratamento psiquiátrico. Tardou en curar 1008 días.
O xuíz considera probados os feitos e que o os acusados "non coordinaron as actividades preventivas" nin "tampouco se realizou un plan de avaliación de riscos, permitindo que o traballo se realizase en condicións inseguras".
Pese a todo, mantén que non deben ser condenados porque para atribuírlle o delito de lesións imprudentes é necesario que exista unha relación de causalidade entre o dano e a omisión do deber de coidado que "non concorre neste caso" e que tampouco son responsables dun delito contra os dereitos dos traballadores "pretender agora que a realización do plan detectaría o risco e evitaría a situación de perigo é unha hipótese que non está probada".
"A valoración do risco era obrigatoria, pero esta non detectaría o risco, dado que a valoración debería comprobar a correcta instalación (da cociña), nada máis", indica o maxistrado na súa resolución. Así, quedou probado que a cociña (que se desequilibrou provocando que caeran sobre a cociñeira as potas e o seu contido) non estaba suxeita ao chan; por tanto, a causa da caída foi precisamente esta. Non obstante, está tamén probado que o fabricante indicaba que as cociñas como esa non era necesario que estivesen suxeitas.