Lores, a través da rede Cidades que Camiñan, reunirase con Pere Navarro, director de Tráfico
Por Alejandro Espiño
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manterá un encontro de traballo o próximo martes 5 de febreiro co director de Tráfico, Pere Navarro. Será como presidente da rede Cidades que Camiñan pero, de seguro, a xuntanza terá a Boa Vila e o seu modelo de mobilidade como pano de fondo.
Así o adiantou Fernández Lores tras recibir á arquitecta Ana Montalbán, a coordinadora técnica desta rede, composta por máis de corenta municipios que apostan por cidades máis humanas e impulsar os movementos a pé nos seus respectivos territorios.
Para Montalbán, vir a Pontevedra era unha "visita obligada" e recoñeceu que as súas expectativas quedaron "muy superadas" pola realidade porque, segundo sinalou, "cuando uno llega de fuera percibe que es una ciudad para estar, para vivir".
Ante esta situación, sinalou, "no hace falta un manual explicativo" xa que o mesmo deseño urbano demostra que "no se trata de una operación cosmética" senón que existe unha filosofía "que está detrás".
A coordinadora técnica da rede Cidades que Camiñan engadiu que o éxito de Pontevedra "es evidente", ao apostar por un modelo de transformación urbana que ve "adaptable" a outras localidades españolas.
VISITA DE ALCALDES CATALÁNS
A estancia da coordinadora técnica da rede en Pontevedra coincide coa visita, este venres 1 de febreiro, dunha delegación da Asociació Catalana de Municipis composta por unha ducia de persoas, entre elas o secretario xeral da asociación e alcalde da Seu d’Urgell, os alcaldes de Girona, Vic ou Sant Cugat, o vicepresidente da Deputación de Lleida e unha concelleira do goberno municipal de Barcelona.
A visita responde a unha solicitude formulada ao Concello por esta asociación municipal co fin de estudar o proceso de transformación urbana de Pontevedra. Todos eles manterán unha xuntanza de traballo cos técnicos do Concello e farán unha visita guiada pola cidade.
Relacionadas:
-
Pontevedra preside en Cádiz a Asemblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan
Por Redacción |
-
O director da DXT traslada á Deputación o seu parabén pola súa política en materia de mobilidade
Por Redacción |
-
Alcaldes cataláns visitan Pontevedra para coñecer a súa transformación urbana
Por Redacción |
-
Pontevedra, invitada ao foro de alcaldes e ministros da OCDE: "É un orgullo", afirma Lores
Por Alejandro Espiño |
-
Stuttgart, Ámsterdam e Dublín miran cara o modelo urbano de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Mosquera defende en Madrid que os lombos son "demostracións de amor ás persoas"
Por Redacción |