O BNG pide a reapertura do centro de formación Aixola
Por Redacción
O grupo parlamentario do BNG presentou, por medio do deputado Luís Bará, diversas iniciativas parlamentarias relacionadas co centro de formación Aixola, que depende do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e que leva pechado desde finais do curso 2016-2017. Nestas iniciativas, o grupo parlamentar do BNG demanda información sobre as razón do peche de Aixola e solicita a súa reapertura no curso 2019-2020.
A sede de Aixola está en dependencias cedidas polo Porto de Marín. Trátase dun centro pioneiro e singular, referente na formación de profesionais do sector naval e pesqueiro, que ofrece formación teórico-práctica encamiñada ao mercado laboral, con cursos de composites, madeira, instalacións, redes, plásticos, pneumáticas ou velería.
Un dos obxectivos da Aixola é a integración ou reintegración no ámbito laboral.
Segundo fontes da Consellaría do Mar, a razón do peche temporal do centro é a reordenación do financiamento, que procedía do Fondo Europeo de Pesca (2007-2013) e que debía ser adaptado aos marcos normativos do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (2014-2020).
O BNG cre que a razón última do peche da escola é unha disputa entre as consellarías do Mar e Economía e Emprego sobre quen ten a competencia sobre o centro Aixola e a quen corresponde o seu financiamento.
Ademais de levar este tema ao parlamento galego, o BNG tamén vai rexistar mocións para que sexan aprobadas polos plenos de Marín e Pontevedra, dada a importante incidencia da actividade formativa da escola nestes dous concellos.
Relacionadas:
-
Rosa Quintana supervisa os novos cursos de formación que oferta a Aixola no seu centro do porto de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
O centro de formación marítimo-pesqueira A Aixola reabre as súas portas con oito novos cursos
Por Oskar Viéitez |
-
Marín acollerá unha lanzadeira de emprego para 20 persoas
Por Oskar Viéitez |