O Concello ofrecerá horarios flexibles aos seus traballadores para poder conciliar coa súa vida familiar
Por Alejandro Espiño
Que os empregados municipais que o desexen poidan conciliar a súa vida laboral e familiar. É o obxectivo da medida que poñerá en marcha o Concello de Pontevedra. Ofrecerán ao seu persoal a posibilidade de reducir a súa xornada matinal e compensar polas tardes as horas que non se fagan no horario habitual.
Esta medida, que complementa unha instrución aprobada o pasado mes de outubro, foi presentada nunha recente reunión cos sindicatos e, en principio, segundo aseguran desde o goberno municipal, non houbo rexeitamento por parte dos delegados dos traballadores.
O Concello estipulará que, con carácter xeral, os servizos municipais deberán estar cubertos de 8.30 a 14.30 horas. Neste marco, quen solicite esta flexibilidade horaria por conciliación -sempre que cumpra os requisitos que marca a lei- deberá estar obrigatoriamente o seu posto de traballo de 9.15 a 13.45 horas.
Para completar o resto da súa xornada laboral, estes traballadores deberán acudir ao seu posto de traballo 7.30 a 9.05 horas ou ben pola tarde, de 13.45 a 20.30 horas.
Este horario pasaría a ser permanente para os empregados municipais que opten por esta vía de conciliación, pero o Concello ofrecerá unha segunda opción, que poderá utilizar quen así o solicite durante un máximo de dous días ao mes.
O horario fixo obrigatorio de presenza no seu posto laboral sería de 9.00 a 14.30 horas, pero neses dous días, sempre que o comunicara con suficiente antelación ao responsable do servizo e se coordinara cos seus compañeiros, a xornada poderá comezala ás 9.30 horas ou ben finalizar o seu traballo ás 14.00 horas.
Nese caso, as horas que deixarían de facerse terían que recuperarse entre as 7.30 e as 9.00 horas, entre as 14.30 e as 16.30 horas ou entre as 16.30 e as 20.30 horas.
A flexibilidade horaria, en todo caso, non poderá ser aproveitada polos traballadores dos servizos municipais que teñan horarios especiais ou irregulares ou ben aqueles que traballen mediante un sistema de quendas.
Relacionadas:
-
Cidadáns propón un Plan de Conciliación municipal para que pais e nais poidan "conciliar de verdade"
Por Redacción |
-
O Concello reserva 370.000 euros para asumir o aumento salarial dos seus traballadores
Por Alejandro Espiño |
-
O novo local municipal de Ferreiros estará en obras en febreiro
Por Alejandro Espiño |