ACUAES licita a redacción do proxecto dunha nova depuradora na Illa de Arousa
Por Redacción
A sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (ACUAES), do Ministerio para a Transición Ecolóxica, licitou o contrato para a elaboración do Estudo de alternativas, dos estudos ambientais e do proxecto para a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Illa de Arousa.
Trátase de determinar as actuacións necesarias para mellorar e ampliar o sistema de depuración actual da Illa de Arousa, que presenta importantes deficiencias na capacidade de tratamento, o que ten especial incidencia pola calidade microbiológica esixida ás augas do medio receptor, cualificadas como zonas para a cría de moluscos.
A nova EDAR será deseñada para tratar as augas residuais dunha poboación de 15.000 habitantes equivalentes.
O investimento ascende a 355.300 euros e o prazo para a redacción do proxecto é de 8 meses.
Está previsto que a actuación sexa cofinanciada con fondo europeos.