Unha investigadora pontevedresa, entre os semifinalistas dun concurso nacional de monólogos científicos
Por Alejandro Espiño
O FameLab España 2019, o concurso de monólogos científicos que organiza a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, contará con representación pontevedresa. Trátase da investigadora Andrea Muras, que acudirá o vindeiro sábado 6 de abril a Sevilla para buscar un posto na gran final deste certame nacional.
Andrea Muras ten 30 anos e estudou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Decidiuse por esa especialidade porque lle parecía moi interesante coñecer como e por que se producen as enfermidades e buscar posibles curas.
Tras a carreira, fixo un máster en Biotecnoloxía, e actualmente estuda o doutoramento no grupo de Acuicultura e Biotecnoloxía (Aquabiotec) sobre a comunicación bacteriana e as posibles aplicacións biotecnolóxicas de bloquear esta comunicación.
En concreto, investiga se se pode previr a formación da placa dental e a aparición de certas enfermidades ao silenciar ás bacterias.
Participa nesta semifinal, que terá lugar no centro cultural CaixaForum Sevilla, cun monólogo titulado As bacterias da miña boca e con el trata de explicar como as bacterias son capaces de organizarse e facer cousas todas xuntas cando saben que están en grupo.
O xurado, experto en comunicación da ciencia, valorará o contido e a claridade do monólogo así como o carisma do monologuista e elixirá os oito finalistas para disputar no mes de maio a final en Madrid.
O gañador de FameLab España 2019 representará ao noso país na competición internacional que se celebrará en xuño durante o festival de ciencia de Cheltenham (Reino Unido).