Os socialistas acusan a CC.OO. de difundir "perigosas mensaxes de odio"
Por Oskar Viéitez
O voceiro do Grupo Municipal do PSOE, Tino Fernández, cre que o sindicato Comisións Obreiras está a amosar unha preocupante deriva cara "o hooliganismo", traspasando "a liña vermella", ao difundir "mensaxes de odio" que os poñen "no punto de mira".
O voceiro do PSOE advírtelle á organización sindical que está a actuar "deliberadamente" dun xeito "irresponsable", que pode conlevar "importantes riscos, incluso dende o punto de vista físico" para as persoas que puxo "na diana das iras dos traballadores".
Ademais, o socialista asegura que "o señor Pedrosa está a errar o seu disparo", xa que, no caso de que alguén teña algunha responsabilidade nesta situación "son a empresa e o PP, que fixeron as cousas realmente mal". "A empresa enganou aos traballadores e o PP enganou á empresa. Máis que equivocar o tiro, o que quere CC.OO. é desvialo dos verdadeiros responsables", matiza.
"O PSOE xamais estivo a favor de nada que non sexa o traslado dentro da comarca de Pontevedra e, polo tanto, do mantemento dos postos de traballo e da pasteira na nosa contorna", apunta.
Finalmente engaden Fernández lembra que a Avogacía do Estado é un órgano que "defende os intereses do Estado, e non do Goberno, polo que as súas decisións non poden ser influídas por intereses persoais nin partidistas". "Coido que isto non é tan difícil de comprender -subliña- e CC OO está a insulta-lo traballo da Avogacía do Estado. Desminto rotundamente que nós tivesemos capacidade algunha de influír na Avogacía".
Relacionadas:
-
Os socialistas levan á Xunta Electoral o "acoso" aos seus candidatos e os "escraches" contra os seus carteis
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE de Tino Fernández quere frear o éxodo poboacional da "Pontevedra baleira"
Por Redacción |
-
Lores asegura que "algún día" se saberá quen é o responsable do "pelotazo" de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
Comisións Obreiras anuncia mobilizacións contra o PSOE como "único responsable" da situación de ENCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |