Un mes de obras para reparar a rúa Rey Daviña
Por Aitana Vidal & Redacción
O pavimento da Rúa Alcalde Rey Daviña será reparado nos próximos días.
O Concello de Vilagarcía acode ao aval depositado pola empresa Ordescón cando executou o proxecto fai agora tres anos, para que corrixa as deficiencias, sen que lle custe un euro ao erario público.
En rolda de prensa, Javier Montero, xerente da Área de Rehabilitación Integral, recoñeceu xunto ao alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, que o Concello debe restaurar de forma periódica o lousado de Rei Daviña.
O problema está no morteiro que une as lastras, que será substituído por unha mestura mellor e máis eficaz.
Serán catro semanas de obras que comezarán na confluencia coa Praza da Constitución, afectando ata a unión con Castor Sánchez, ademais da paralela Romero Ortiz.
A segunda fase afectará á o resto da rúa principal e en Juan Francisco Fontán e Méndez Núñez. A terceira, só a Rei Daviña e a cuarta ao tramo máis próximo á Praza de Galicia.
A intervención iniciarase esta mesma semana e esixirá pechar as rúas tanto aos viandantes coma ao tráfico de carga e descarga e garaxes.