O PP pecha o seu foro PontEmplea con Marisol Bueno e Jorge Cebreiros
Por Redacción
A primeira edición de PontEmplea, o foro sobre economía e emprego organizado polo PP de Pontevedra, chegou á súa fin coa mesa redonda na que participaron a empresa vitivinícola Marisol Bueno e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros.
Na xornada, celebrada no Hotel Rías Baixas, Marisol Bueno lembrou que foi a primeira presidenta do consello regulador da DO Rías Baixas e destacou que a creación de emprego neste sector resulta "interesante", xa que permite "fixar ás persoas" no territorio e no medio rural.
A empresaria puxo en valor o desenvolvemento da denominación de orixe ligada á creación de oportunidades e postos de traballo na comarca, así como a comercialización dos viños Rías Baixas en España e en estranxeiro e o desenvolvemento do turismo enogastronómico.
Jorge Cebreiros, pola súa banda, realizou unha análise profunda da situación do emprego en Pontevedra e destacou que na provincia haxa sectores estratéxicos líderes, non só en España senón en Europa, que se están vendo "influídos" por diversos factores como a "pouca aposta pola industria", un foco no que "é necesario traballar".
"Temos un gran potencial no que debemos traballar", sinalou Cebreiros, que alertou da "pouca sensibilidade" da administración local á hora de axilizar e facilitar o emprendemento.