Moraña encara catro melloras viarias por 546.000 euros e pide prudencia a condutores e peóns durante as obras
Por Redacción
O Concello de Moraña pide prudencia aos condutores e peóns durante o tempo que duren as catro novas actuacións que acaban de poñer en marcha, catro melloras viarias e peonís nos lugares do Outeiro e Chan de Amil (ambos na parroquia de Amil), Rebón e Alende (Santa Xusta).
As actuacións suporán a presenza de maquinaria pesada e operarios nestas zonas. Desde o Concello xa piden desculpas anticipadas á veciñanza polas posibles molestias derivadas destas obras, que teñen un orzamento global de 546.000 euros.
A primeira obra, xa en marcha no lugar de Outeiro, en Amil, consiste no ensanchamento e mellora viaria no Outeiro no treito de 437 metros da pista que se dirixe cara A Torre. Os traballos, orzamentados en 126.000 euros e con tres meses de prazo de execución.
Xusto despois de Semana Santa, vai comezar a mellora da seguridade na Travesía de Alende, que xa foi supervisada polos técnicos. Esta actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas cunha partida de 48.000 euros, afectará a un treito de 810 metros da estrada PO-221 polo que circulan uns 3.000 vehículos diarios. Vaise proceder ao estreitamento dos carrís, ampliación das marxes de aparcadoiro, creación de beiravías, dotación de pasos de peóns elevados, reposición do firme e mellora da sinalización.
Tamén está a piques de comezar a mellora viaria e peonil en Chan de Amil, na que se investirán 252.000 euros e que xa conta co contrato asinado pola firma adxudicataria. Trátase dun proxecto que mellorará a pista que conecta todo o lugar e bordea a capela dos Milagres coa ampliación dos carrís.
A mellora viaria da parroquia de Rebón aínda está en fase de licitación. Vanse mellorar 2,5 quilómetros das pistas de Rebón de Arriba, O Calvo e San Pedro e vaise empedrar e humanizar o acceso á igrexa.