Lores quédase con que "o BNG duplicou votos e amosamos que somos unha forza en alza"
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores amosouse este luns "contento" polos resultados que o Bloque acadou na cita electoral deste domingo porque "duplicou votos, e amosamos que somos unha forza en alza, estable e que ofrece garantías aos veciños".
Tamén destacou que Pontevedra "contribuíu ao bo resultado do BNG" e quixo agradecer o "traballo ilusionante" que se leva facendo nestas últimas semanas "tanto dende dentro como dende fóra da organización, a nivel local, para seguir crecendo con firmeza".
De feito, o candidato destacou que "a candidatura de Pontevedra traballa dende xa nas vindeiras eleccións municipais", a cita do próximo 26 de maio, co obxectivo de "acadar os mellores resultados posibles".
En Pontevedra, o BNG mantivo este luns unha reunión extraordinaria para pechar os primeiros actos de precampaña e campaña para as eleccións municipais, que se darán a coñecer esta mesma semana.
LIÑA ASCENDENTE
O responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez, tamén valoraba os resultados electorais da formación nacionalista na comarca de Pontevedra. Sinala que en numerosos concellos duplicouse a porcentaxe de voto. Un dato que, segundo apunta, marca a liña ascendente do BNG.
Demetrio Gómez afirmou que a comarca de Pontevedra contribuíu de forma importante a que o BNG obtivera este resultado electoral e agradeceu o traballo realizado polos equipos do Bloque durante a pasada campaña e anunciou que xa se está a traballar de cara á vindeira cita municipal.