Organizan unha nova marcha contra o peche de camas nos hospitais públicos
Por Redacción
De cara o verán, como é habitual todos os anos, os hospitais públicos de Pontevedra prepáranse para pechar camas. Pero os profesionais sanitarios entenden que esta práctica tan estendida non só non permite unha boa xestión de recursos senón que impide garantir unha asistencia sanitaria óptima á cidadanía.
Por iso, o sindicato Prosagap organizou a terceira edición da súa marcha contra o peche de camas que se celebrará o próximo 10 de maio, a partir das oito da tarde, en Pontevedra.
Esta mobilización pretende dar visibilidade a un problema "crecente e real", segundo Prosagap, e impedir o peche camas nos hospitais públicos, que siga avanzando a deterioración asistencial da Atención Primaria, mellorar as malas condicións laborais dos traballadores dos puntos de atención continuada e denunciar a precariedade laboral dos profesionais.
O sindicato entende que o peche de camas demostra unha "tendencia privatizadora" que provoca un aumento das listas de espera cirúrxica, a derivación de enfermos para intervencións cirúrxicas en centros concertados ou colapsos en urxencias e longas esperas en padiolas por pacientes sen cama mentres unha parte están sen uso.
Os profesionais entenden que o peche é unha medida de aforro, "disfrazada de xestión adecuada por descenso de actividade cirúrxica ", xa que o que se busca é conseguir unha diminución do investimento na contratación en todos os ámbitos.
Prosagap recorda que este recorte non só a sofre a atención nos hospitais, senón tamén a Atención Primaria, porque as baixas nas consultas non se cubren, o que comporta un aumento da actividade, maior dificultade para facer un seguimento adecuado do paciente e máis posibilidades de que terminen acudindo ao servizo de urxencias do hospital.