Considéranse "estafados" polas bases do concurso de ambulancias ao entender que mantén os problemas do servizo
Por Nacho Fuentes & Anxo Lourido
Xavier Aboi, secretario comarcal da FGAMT-CIG, manifestou este luns o seu malestar coas bases para a adxudicación do servizo de ambulancias do 061 que, segundo explica, non van resolver a situación de colapso que se produce nas principais cidades da comarca de Pontevedra e do Salnés.
Aboi, acompañado por dous delegados sindicais da CIG neste servizo, denuncia que con este novo concurso van perderse 30 postos de traballo en Galicia ao reducirse de dous a un o número de técnicos nas ambulancias medicalizadas, de maneira que os profesionais médicos non poderán contar co técnico de apoio que, ata agora, os axudabao.
Sinala que o incremento na dotación económica se destina a maquinaria pero as bases non contemplan unha mellora na atención sanitaria. Aboi explicaba que Bueu e Marín continuarán co mesmo servizo actual e en Pontevedra non ve ampliados os vehículos de intervención básica e se establece unha nova modalidade, a de dúas "ambulancias sanitarizadas" que, segundo o sindicalista, é un vehículo medicalizado con menos persoal.
O representante sindical lamenta que concellos como Marín, ao que a Xunta de Galicia prometera recuperar un servizo de 24 horas, dependerá agora das ofertas que presenten as empresas para contar con esta opción.
Entre outras carencias, a CIG denuncia que nas bases non se contempla a inclusión dunha zamarra para os técnicos ou que calquera discusión cun médico do 061 pode provocar que os aparten do servizo.
Aboi afirma que o sistema de ambulancias de Galicia "debería ser un servizo público e non un negocio" e apunta a que os traballadores séntense "estafados" porque estas bases non contemplan as promesas feitas previamente nin recolle os servizos que se precisan.
O sindicato nacionalista solicitou unha xuntanza urxente co director do 061 para presentar unha queixa polas carencias neste concurso e alertalo de que o colapso de 5.000 intervencións anuais, que realiza cada unha das dúas ambulancias de Pontevedra, non se vai resolver con estas bases.