A violencia machista, en cifras: 3.449 casos activos en Galicia
Por Redacción
A violencia machista é unha realidade que sofren as persoas e con que exista un só caso, xa é motivo de alarma, pero as cifras tamén son necesarias para tomar perspectiva e este luns deuse a coñecer que en Galicia hai na actualidade 3.449 casos activos. Nestes momentos, ningún está cualificado como risco extremo.
Os datos facilitounos este luns a coordinadora da área de Igualdade da Delegación do Goberno en Galicia, María Debén, con motivo da xornada 'A intervención policial ante a violencia de xénero: boas prácticas e retos', organizada pola área de Igualdade do Concello de Vilagarcía e financiada con fondos transferidos aos municipios do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A coordinadora de Igualdade lembrou que este ano a violencia machista xa se cobrou unha vítima mortal na provincia de Pontevedra e que no primeiro trimestre do ano xa se produciron 577 chamadas ao 061 en Galicia por episodios de violencia de xénero.
Segundo os datos facilitados, hai 767 galegas as que perciben a renda activa de inserción e 559 son usuarias do Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas da violencia de xénero (Atempro).
Durante a súa intervención incidiu no labor vital das forzas de seguridade, pois en moitas ocasións prestan a primeira asistencia ás vítimas e, por iso, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero ten a súa formación como un dos eixos principais de actuación, que se materializa en xornadas como a celebrada este luns.
O estudo de impacto da violencia de xénero en España sitúa o custo da violencia machista para a sociedade en ata 8.540 millóns de euros. No apartado de custo intanxible, conclúe que pode chegar, na estimación menos conservadora, a outros 14.800 millóns de euros.
Só en materia penal, en 2016 había 3.995 reclusos por violencia machista, o que supón un 7,83 por cento do total. Os custos penais por esta materia foron superiores aos 113 millóns de euros.