Detido un veciño de Caldas pola compra de teléfonos móbiles con documentación falsa
Por Redacción
A Garda Civil de Sanxenxo detivo un veciño de Caldas de Reis por utilizar documentación falsificada para comprar varios teléfonos móbiles a nome doutras persoas. Atribúenlle os delitos de estafa e falsificación de documentos.
Os investigadores atribúenlle dous casos. O primeiro deles produciuse o mes de xuño do ano pasado cando esta persoa compra a través de Internet un terminal a nome dun veciño da Guarda que era titular dunha liña de telefonía móbil, marcando como punto de recollida unha tenda de Sanxenxo.
A estafa materializouse cando recolle o móbil en Sanxenxo presentando o DNI do verdadeiro titular da liña, ao que lle colocaba a súa propia fotografía e alteraba a data de nacemento, para que fose máis acorde coa súa propia fisionomía. Meses máis tarde o titular da liña recibe un cargo polo importe do teléfono e presenta denuncia ante a Garda Civil.
As pescudas realizadas pola Garda Civil de Sanxenxo levaron á identificación do presunto autor, ao que tamén se lle atribúe outro feito similar cometido o mes de decembro do ano pasado en Cambados.
Nesta ocasión presentaría un DNI falsificado cos datos persoais dun veciño de Vedra (A Coruña), pero coa súa propia fotografía, dando lugar a que, nun principio, atribuíseselle a esta persoa a estafa. Finalmente, púidose pescudar que se trataba da mesma persoa que se estaba investigando, un home de 44 anos, e procedeuse á súa detención.
O modus operandi era moi similar en todos os casos. Consegue os documentos persoais das súas vítimas e tras inserir a súa propia fotografía e cambiar a data de nacemento máis acorde á súa idade, solicita online a adquisición dos terminais telefónicos para ser recollidos na tenda co documento falsificado e co nome do titular da liña. Estes feitos propician que a persoa estafada non se decate do sucedido ata que non recibe o cargo da operadora.