Feijóo promete en Pontevedra que en 2014 "será posible" ir da Coruña a Vigo en AVE e Ana Pastor evita confirmalo
Por Redacción
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, baixou do tren na estación de Pontevedra xunto á ministra de Fomento, Ana Pastor, e numerosos representantes políticos. Chegaban de Arcade e estreaban desta forma, nunha viaxe de apenas 10 quilómetros, a nova liña do AVE. Tras atender ás explicacións técnicas sobre o eixe atlántico de alta velocidade e os cambios que se están a acometer na estación de Pontevedra, Alberto Núñez Feijóo, tras a intervención da ministra afirmou ante os máis de cincuenta asistentes ao acto que "hoy es un excelente día". E engadiu que en 2014 "será por fin posible" realizar o traxecto íntegro entre A Coruña e Vigo nun tren de Alta Velocidade e as comunicacións entre as principais cidades galegas se realizarán en tramos de menos de media hora de viaxe ferroviaria.
Ademais, o presidente da Xunta resaltou que a apertura da nova liña demostra "nun momento en que é máis difícil que nunca demostralo, que en política é posible cumprir coa palabra dada".
Ao remate do acto, a ministra Ana Pastor non foi tan contundente: "Me caracterizo por venir a ver obras terminadas y por poner dinero del presupuesto pero no me dedico a realizar promesas como las que yo como ciudadana de Pontevedra he recibido durante 30 años".
E ante a insistencia dos xornalistas en que Núñez Feijóo o anunciara durante o acto indicou: "Yo como ciudadana de Pontevedra no me dedico a hacer lo que han hecho otros que es prometer, prometer y luego nada. Iba a llegar en el 2010, en el 2012 pero las obras estaban sin licitar y sin pagar. Yo voy a ser respetuosa con mis vecinos y voy a seguir construyendo la línea de alta velocidad".
Nin sequera quixo confirmar se o obxectivo se situaba en 2014: "Yo lo que quiero es venir a actos como el de hoy", concluía.
O tramo inaugurado supuxo un financiamento de máis de 130 millóns de euros e resultou complexo debido á construción de túneles e viadutos sobre os ríos Verdugo e Ulló. Trátase de "unha obra de enxeñería con maiúsculas", segundo apuntou o presidente.
No acto encontrábanse os alcaldes de Redondela, Soutomaior, o presidente da Deputación de Pontevedra, o Delegado do Goberno e deputados e senadores do Partido Popular. Á cita non acudiu o alcalde de Pontevedra debido a compromisos persoais, segundo apuntou o departamento de comunicación do Concello que recibiu o convite este xoves.
MEDIDAS DE SEGURIDADE
Ana Pastor e Alberto Núñez Feijóo abandonaron a estación de Pontevedra a través do párking soterrado onde se encontraban os coches oficiais.
Non se percataron da saída os integrantes dun grupo de afectados polas preferentes que fixo soar as súas bucinas durante o desenvolvemento do acto que se realizaba na terceira plataforma. Os manifestantes encontrábanse acoutados nas proximidades do aparcadoiro en superficie, fronte á entrada da estación, baixo a vixilancia dun importante número de axentes policiais.
O control de seguridade resultou tan estrito que un valado e persoal de seguridade impedían o acceso ata a liña do AVE que se inauguraba. Mesmo se dificultou o acceso aos xornalistas e representantes dos gabinetes de comunicación de entidades oficiais por parte de membros do equipo de seguridade do ministerio de Fomento.