Ence descarta un traslado en Pontevedra porque "non se pode rendibilizar"
Por Oskar Viéitez
A empresa Ence ven de emitir un comunicado no que descarta un traslado en Pontevedra porque "non se pode rentabilizar" e afirma que o candidato do PSOE á alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, "desinforma" aos cidadáns coa súa proposta de creación dunha mesa de negociación para o traslado da fábrica a outra localización, se é posible nesta comarca.
A compañía insiste en que cando acabe a súa concesión "non poderá trasladar a súa planta de Lourizán ao non existir localizacións alternativas na comunidade galega —por descontado en Pontevedra—, e por non ser viable económicamente".
Antonio Casal, delegado de Ence en Galicia reiterou que "non é posible construír unha nova fábrica que cumpra os requisitos de rendibilidade mínima que esixe a súa viabilidade. Temos que ter presente que o sector da celulosa é un mercado mundial altamente competitivo, polo que unha fábrica necesita uns custos que aseguren a súa supervivencia. E as condicións necesarias para iso, lamentablemente, non se dan en Galicia", concluíu Casal.
No seu comunicado ENCE engade que "pódese operar neste mercado cunha planta existente con investimentos para manter a súa competitividade e o seu comportamento ambiental. Pero o investimento nunha nova fábrica, que supón uns 700 millóns de euros, non se pode rendibilizar: a madeira en Sudamérica crece o dobre de rápido e custa un terzo do que en Galicia, e a man de obra unha cuarta parte".
Ence asegura que xa xustificou "pormenorizadamente e de forma transparente" que non hai unha localización alternativa viable "desde un punto de vista técnico ou económico" para construír unha nova fábrica de celulosa en Galicia. "Todas as plantas de celulosa do mundo dun tamaño similar á de Pontevedra están no bordo dun océano, dunha ría, dun fiordo ou dun río con caudal como o Ródano, o Rin ou o Paraná", apuntan.
A compañía pon novamente de manifesto que o peche da súa planta de Pontevedra, "e dadas as limitacións da biofábrica de Ence en Navia —que non poderá crecer máis aló dos investimentos que se están realizando e planeando agora—, provocará a perda de emprego para máis de 5.100 familias de Galicia. Ademais, supoñerá unha dramática caída do prezo da madeira no sector forestal galego levando a ruína a miles de produtores, o abandono de montes e, consecuentemente, a multiplicación dos incendios forestais na comunidade".