Vilagarcía seleccionará doce socorristas para os tres meses da temporada de verán
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía celebrará este xoves o concurso-oposición para seleccionar os doce socorristas acuáticos que se precisan para atender as tres praias do municipio durante a temporada de verán.
Malia que o Concello solicitou a través do plan de cooperación financiamento para os doce contratos a tempo completo durante tres meses, a Xunta só concedeu oito a dous meses, polo que Ravella deberá asumir os custes das contratacións de catro socorristas máis os custes de completar o mes restante aos outros oito.
O Concello considera esencial manter os servizos de vixilancia e socorrismo nas tres praias do municipio durante todo o verán, tanto para garantir a seguridade dos bañistas como para manter unha boa imaxe de cara ao turismo.
O proceso para a selección dos socorristas lévase a cabo a través do servizo público de emprego que se encarga de convocar aos aspirantes anotados nas listas de desemprego que cumpran cos requisitos especificados nas bases.
Para realizar as probas foron convocados 66 candidatos que terán que realizar unha proba teórica no Auditorio e posteriormente as probas físicas na praia da Concha-Compostela.
Dado que por estas datas todos os municipios costeiros fan seleccións similares, o número de aspirantes que concorran finalmente ás probas de Vilagarcía dependerá en parte dos procesos selectivos doutros concellos. Aos resultados das probas da oposición sumaranse os puntos do concurso de méritos.