CC.OO di que a súa vitoria sindical na Deputación é unha "auténtica labazada" á presidenta
Por Oskar Viéitez
As eleccións sindicais do personal funcionario da Deputación de Pontevedra remataron coa vitoria de Comisións Obreiras.
Correspondía elexir unha xunta de personal de 17 membros, que en base aos votos que obtivo cada sindicato se distribuiron en once delegados de CC.OO., catro delegados de UGT e dous delegados da CIG.
Anteriormente tíñanse celebrado as eleccións sindicais do personal laboral da Deputación nas que saíran elixidos nove delegados de CC.OO. e catro delegados de UGT. Polo tanto, dun total de 30 representantes do personal que se elixen na Deputación, CC.OO. obtivo vinte, UGT pito e CIG dos.
Segundo valorou o secretario de organización de Comisións Obreiras, Xosé Luis García Pedrosa, os resultados electorais "refrendan o traballo reivindicativo desenvolvido por CC.OO. no conflicto do Parque de Maquinaria, na defensa dun servizo de calidade no Príncipe Felipe, na loita contra a precariedade laboral e na defensa do servizo público fronte as políticas privatizadoras do goberno da Deputación".
García Pedrosa destaca que estes resultados "supoñen unha auténtica labazada á presidenta da Deputación quen se marcou o obxectivo de reducir de xeito sustancial a forza de CC.OO., impulsando e apoiando as candidaturas que presentou a UGT tanto na xunta de personal como no comité de empresa".
O secretario de oranización engade que "por primeira vez nunhas eleccións sindicais na Deputación, o goberno trazou un plan para condicionar os resultados electorais impulsando un sindicato amigo, pero a operación resultoulles un auténtico fiasco porque os traballadores souberon diferenciar perfectamente entre quen defende os seus dereitos e quen é unha simple correa de transmisión dos interes do poder".
"UXT AFIANZA POSICIÓNS"
Dende UXT, pola súa banda, destacan que o seu o sindicato "continúa afianzando posicións" na Deputación de Pontevedra "e convértese no único sindicato que, con oito representantes en total, gaña delegadas e delegados sindicais".
Neste senso destaca que fronte aos seus resultados positivos, CCOO, con ata seis delegados menos, continúa perdendo representación na administración provincial.
Para UXT o resultado acadado manifesta "que unha ampla maioría do persoal funcionario e laboral da Deputación quería un cambio e un novo xeito de facer sindicalismo centrado en escoitar ás persoas, en dialogar e atender ás demandas e necesidades das traballadoras e dos traballadores".
Amais, "a pretensión do sindicato é rachar coa crispación, co secretismo, e impulsar un novo modo de traballar, con novas ideas e poñendo en valor unha xestión sindical comprometida, con propostas elaboradas con criterio que fomenten a transparencia e a equidade entre o persoal", conclúen.