"Sen liñas vermellas" no PSOE para "acadar un acordo de goberno que permita xestionar Pontevedra con estabilidade"
Por Redacción
Os catro concelleiros que conformarán o grupo municipal do PSOE durante o vindeiro mandato mantiveron este xoves unha primeira reunión de toma de contacto coa finalidade de analizar os resultados dunhas eleccións "que foron moi positivas e das que o partido saíu realmente reforzado".
Tras o encontro, que tivo lugar no despacho do Teatro Principal, o líder dos socialistas, Tino Fernández, amosou a "boa disposición" da súa agrupación "para sentarse a falar, explorar as vías de colaboración e acadar un acordo de goberno que permita xestionar Pontevedra con estabilidade durante estes catro anos".
O voceiro do PSOE lembra que o diálogo "forma parte do ADN" do seu partido e avanza que "non se establecerán liñas vermellas", coa excepción, "por coherencia política e ideolóxica", dunha: "Non votaremos xamáis a investidura dun alcalde do Partido Popular".
Tanto Fernández como os seus compañeiros do grupo municipal (Gloria Blanco, Iván Puentes e Paloma Castro) cren que, o pasado 26 de maio, "os cidadáns de Pontevedra enviaron a través das urnas unha mensaxe de cambio ben clara e que debería ser escoitada".
Tal e como sinala o número un dos socialistas de Pontevedra, "gran parte dos méritos que a cidadanía lle atribúe en exclusiva a Lores, acadóunos cando concelleiros do PSOE formaban parte da corporación".
"A xente estaría encantada de que nos entendésemos e até o propio BNG admite que a Pontevedra foille mellor cando nós estabamos. A parálise que houbo no último mandato foi evidente", subliña.
Relacionadas:
-
O BNG negociará co PSOE un goberno en coalición
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE advirte o BNG que "en ningún caso" actuará como "comparsa" nun hipotético bipartito
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG, sen "data límite" para negociar co PSOE: "Non podemos andar con présas"
Por Alejandro Espiño |
-
Tino Fernández, aberto a dialogar co BNG en Pontevedra: "Todo o mundo quere aos socialistas no Concello"
Por Natalia Puga |
-
O BNG manterá unha "posición aberta" para posibles pactos "sen descartar" gobernar en solitario
Por Oskar Viéitez |