Un simulacro na praia das Sinas pon a proba os mecanismos anticontaminación
Por Redacción
Un traballo contrarreloxo para protexer a praia das Sinas. Así foi o labor dos servizos de emerxencia para impedir que o fuel oil derramado por un dos tanques de combustible dun mercante que saía do porto de Vilagarcía de Arousa chegase a esta paraxe natural.
Todo partiu dunha colisión entre o mercante e un frigorífico con túnidos conxelados, en dirección ao porto da Pobra do Caramiñal para a súa descarga.
Pero tranquilos, este incidente non é real. Trátase dun simulacro que, tras recrear un episodio de contaminación, examinaba a eficacia e a capacidade de resposta dos mecanismos de coordinación do sistema nacional de resposta marítimo e costeiro.
No exercicio, organizado polos ministerios de Transición Ecolóxica e Fomento en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Vilanova de Arousa, participaron preto dun centenar de persoas dos organismos responsables da resposta ante unha emerxencia destas características.
O exercicio incluíu accións de contención coa instalación de barreiras na zona do incidente e protección en áreas próximas sensibles, así como de recuperación mediante o uso de material absorbente e a recollida manual do hidrocarburo.
A Xunta de Galicia facilitou as embarcacións para colaborar no despregamento das barreiras.
O simulacro incluíu a activación simulada do Plan Estatal de Protección da Ribeira do Mar do Ministerio de Transición Ecolóxica en fase de alerta.
Ademais de comprobar a eficacia da coordinación, o exercicio tiña como obxectivo familiarizar aos integrantes dos grupos de resposta e o persoal con responsabilidades neste plan co manexo dos equipos e das técnicas de loita contra a contaminación nas distintas situacións que poden exporse.