A Fiscalía pide catro anos de cárcere para un promotor por apropiarse dos cartos dunha parella de Marín
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para este martes, día 18 de xuño, un xuízo contra o administrador dunha promotora que presuntamente se apropiou dos 30.000 euros que lle abonou un matrimonio para a construción dunha vivenda en Marín.
O Ministerio Público solicita que sexa condenado a catro anos de cárcere por un delito de falsificación en documento mercantil e apropiación indebida e o abono dunha multa de 3.240 euros.
O escrito de acusación da Fiscalía sostén que os feitos tiveron lugar en agosto de 2016, cando o matrimonio resolveu o contrato de arrendamento de obra subscrito cunha empresa que administraba o acusado, que xa tiña antecedentes penais por insolvencia punible e defraudación tributaria, aínda que non son computables para os efectos de reincidencia.
Días despois, asinaron un novo contrato con outra entidade, que tamén administrada o acusado, para continuar coa execución das obras. O promotor entregou á parella un documento que simulaba un aval bancario do Banco Pastor para responder da devolución da provisión de fondos de 30.000 euros entregada pola parella.
A promotora só chegou a executar o muro de peche da vivenda e obras na piscina por un importe de 3.536,28 euros, que foron pagados polo matrimonio.