A borrasca procedente de Portugal deixará chuvias intermitentes nas Rías Baixas ata o xoves
Por Redacción
Unha borrasca activa, que se atopa ao oeste de Portugal, afectará as Rías Baixas durante a xornada deste martes. Desta forma, segundo as previsións de Meteogalicia, espéranse ceos parcialmente nubrados con precipitacións intermitentes ao longo do día. Serán máis cuantiosas durante a tarde coa posibilidade de que as choivas veñan acompañadas de tormentas.
As temperaturas mínimas ascenderán e manteranse entre os 14 e os 22 graos. Os ventos soprarán de compoñente sur, moderados en xeral, sendo fortes na zona do litoral atlántico nas horas centrais do día.
Durante a xornada do mércores 19, Pontevedrá estará situada entre as altas e as baixas presións, con inestabilidade pola presenza de aire frío en altura. Os ceos atoparanse parcialmente cubertos, con posibilidade de chuvascos. O vento soprará frouxo de compoñente oeste, con temperaturas entre os 15 e os 21 graos.
Ao longo do xoves, o ceo atoparase nubrado con algunhas precipitacións illadas. As temperaturas sufrirán un descenso con ventos que soprarán moi frouxos de compoñente norte.
A partir do sábado volverán os ventos de compoñente sur asociados ás borrascas, que se presentarán polo Atlántico. A partir do domingo a probabilidade de choiva volverá ser alta.