Joselito, o ex patrón maior de Portonovo, condecorado coa Orde do Mérito Civil
Por Oskar Viéitez
As súas Maxestades os Reis, acompañados polas súas altezas reais a princesa de Asturias e a infanta Dona Sofía, presidiron o acto de imposición de condecoracións da Orde do Mérito Civil, no que foron condecorados diversos cidadáns, en recoñecemento do seu compromiso persoal e contribución social, entre eles o ex patrón maior da confraría de Portonovo, José Antonio Gómez Castro "Joselito".
No quinto aniversario da proclamación do Rei, Don Felipe e Dona Letizia impuxeron estas condecoracións a 41 cidadáns en recoñecemento dos seus relevantes servizos ao Estado, os seus traballos extraordinarios, as súas proveitosas iniciativas ou pola súa constancia exemplar no cumprimento das súas obrigas.
Tamén asistiu a este acto o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, e o ministro de Asuntos Exteriores en funcións, Josep Borrell.
Don Felipe referiuse ás persoas que acababan de ser distinguidas dicindo que "sois protagonistas de esa España solidaria y universal y sois un verdadero motivo de orgullo para todos nosotros, para todos nuestros compatriotas; os admiramos. Enhorabuena; y, sobre todo, gracias de corazón ".
Elena Ochoa e Pablo Motos actuaron como mestres de cerimonia.