Augasantas agarda medio milleiro de comensais para a súa Festa das Manciñas de Porco
Por Redacción
A parroquia cotobadesa de Augasantas ultima os preparativos para a segunda edición da súa Festa das Manciñas de Porco que, nesta ocasión, vai subir un chanzo máis ata acadar a categoría de exaltación gastronómica.
O presidente da asociación de veciños Penelas de Augasantas, Lino Morales, explicou que agardan a asistencia de ata medio milleiro de comensais.
O programa festivo de exaltación das manciñas de porco, que foi presentado nun xantar celebrado na Casa do Pobo coa presenza do alcalde, Jorge Cubela, terá lugar o domingo 21 de xullo a partires das 14.00 horas nunha carpa de grandes dimensións que se emprazará na alameda de Augasantas.
A actividade comezará cun xantar popular cun menú de empanada, manciñas estufadas con guarnición, sobremesa a base de melindres do Carballiño e viño de Barrantes.
Paralelamente á degustación das manciñas, haberá ambientación musical a cargo de Os Alegres da Buraca e, finalmente, coa actuación estelar da Escola de Acordeóns de Campelo.
As persoas interesadas en asistir a esta festa gastronómica, a máis recente das oito que hai no municipio, xa poden adquirir os seus convites para o xantar popular, a un prezo de 15 euros por persoa, en ata nove puntos de venda espallados por toda a bisbarra.
Poderán mercarse directamente ás veciñas Sita, de Boliñas, Mariloli, de Calvelle, María, da Coutada, e Remedios, do Pelete, e nos establecementos Bar Perdiz (Augasantas), O Brasileiro (A Lama), Frutas Nieves (Ponte Caldelas), Bar A Chan (Carballedo) e Casa da Cultura (Antas).
Malia que o prazo de adquisición dos convites pecharase o día 15 para planificar mellor a comida, a organización ten previsto vender novas entradas na propia xornada da festa se hai ocos no aforo establecido.