O plan especial para o traslado das piscinas municipais de Cuntis, a exposición pública
Por Redacción
O traslado das piscinas municipais de Cuntis está un paso máis preto.
O Concello avanzou na tramitación do proxecto sacando a exposición pública o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Núcleo do Campo, aprobado pola Xunta de Goberno o pasado mes de maio.
Tras este trámite, os veciños e veciñas afectados poderán presentar alegacións durante dous meses tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Trátase dun paso imprescindible para avanzar no traslado, ao tratarse o do Campo dun terreo catalogado como chan rústico e ser a piscina un equipamento municipal.
O Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Núcleo do Campo responde á necesidade de construír unhas novas piscinas municipais para executar a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo de Pontevedra, confirmada despois polo Tribunal Superior de Xustiza, que estimaba parcialmente o recurso de Termas de Cuntis obrigando a ceder á empresa as leiras coñecidas como Budeón ou Piscina Municipal e a Huerta Reitoral, tal e como figuraba nun convenio asinado no ano 1994.