Rafa Domínguez, contra o BNG polas vías sanitarias: "Cousas que saben nenos de 7 anos, Mosquera non as sabe aínda"
Por Redacción
O portavoz do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, volveu a cargar contra o goberno local en relación coa súa proposta de que se eliminen os 'lombos' nas vías sanitarias de acceso a centros de saúde. Tras as críticas do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, á proposta dos 'populares', o seu portavoz non dubidou en atarcaloe e asegurar que "cousas que saben nenos de 7 anos, Mosquera non as sabe aínda".
O PP emitiu un comunicado este xoves no que asegurou que Rafa Domínguez está "perplexo" ante as explicacións de Mosquera acerca de por que non se poden eliminar os ' lombos' nas vías sanitarias e sostivo que o concelleiro está "a facer o ridículo" cando lles di aos pontevedreses que as ambulancias teñen que ir amodo preferentemente.
"É un insulto á intelixencia", valora Domínguez, médico de profesión, que pon como exemplos a pacientes que sofren un infarto ou un ictus, cuxas posibilidades de supervivencia dependen da rapidez con que sexan atendidos con todos os medios dispoñibles, e tamén a enfermos que sofren os vaivéns provocados polos lombos nos seus traslados aos centros sanitarios.
O líder do Partido Popular pediu que se teña en conta a opinión dos técnicos sanitarios, médicos e enfermeiros e lembrou que organizacións médicas como SEMES (Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias), a Valedora do Pobo ou as principais asociacións que participan no traslado de pacientes sanitarios como ASGATE defenden a necesidade de retirar os lombos das vías sanitarias.
Domínguez defende a necesidade de basearse en informes científicos, non unipersoais nin de xente que nunca estivo nunha ambulancia e considera que é "fácil de entender" que as ambulancias teñen sirenas para avisar a outros condutores da súa presenza e así chegar antes ao hospital. Esas son as cousas que "saben nenos de 7 anos" e, segundo o edil do PP, Mosquera aínda non.
O portavoz do PP confía en que o PSOE apoie a moción que o PP leva ao próximo Pleno da Corporación pedindo a creación de tres vías sanitarias libres de lombos no acceso a Montecelo e lembra que o líder socialista, Tino Fernández, defendía propostas como esta o ano pasado e no seu programa electoral.
Relacionadas:
-
BNG e PSOE rexeitan a moción do PP para liberar de 'lombos' as vías sanitarias
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O Concello recorda que a normativa de 'lombos' aprobouse en febreiro "e non foi alegada por ninguén"
Por Alejandro Espiño |
-
Cidadáns quere trasladar a Pontevedra a polémica do Orgullo en Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
O PP levará as vías sanitarias ao Pleno Municipal buscando a división do goberno local
Por Diego Espiño |