Rescatan a ocupante dun turismo que se precipitou por un terraplén de 3 metros de altura
Por Redacción
Un turismo saía da vía no lugar de Cacheiro, parroquia de A Canicouva, na tarde deste venres e precipitábase por un terraplén duns tres metros de altura, segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias do 112 Galicia.
O accidente rexistrábase ao redor das 18.15 horas. Varios particulares alertaban ao 112 Galicia e solicitaban asistencia urxente para a condutora, única ocupante do vehículo, que se atopaba envorcado tras a caída.
Desde o Centro de Emerxencias do 112 Galicia solicitábase a colaboración dos bombeiros do Parque de Pontevedra por se era necesario excarcerar á muller. Finalmente, os bombeiros lograron liberar á muller sen necesidade de equipos de excarceración e colaboraron no traslado en padiola da condutora, que presentaba diferentes feridas. Foi trasladada en ambulancia medicalizada do 061 a un centro hospitalario.
Desde o 112 Galicia tamén se informou aos axentes da Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.