O Concello de Sanxenxo recorrerá a autorización de Portos á construción dos peiraos do Náutico
Por Redacción
O Goberno local decidiu, nunha reunión mantida este mércores, interpoñer un recurso de reposición contra a autorización de Portos de Galicia ao Real Club Náutico para a construción de dous peiraos no Porto Deportivo Juan Carlos I. Aínda que o Executivo municipal ve con bos ollos a renuncia presentada pola entidade deportiva á execución dun dos embarcadoiros, o que máis presión exercía sobre a praia de Panadeira e que motivou o rexeitamento por parte do Concello de Sanxenxo, considera que a infraestrutura que estará situada na zona norte-sur debe ser tamén eliminada destes plans.
Iso si, para o equipo de Goberno resulta fundamental que o Club Náutico apostase por reducir a superficie da concesión de lámina de auga en 1.711 metros cadrados dos 7.613 metros dos que dispón. "Deste feito dedúcese que non se trata dunha demora na construción do peirao norte e garante que non se levará cabo nin agora nin nun futuro", comentou a alcaldesa tras coñecer a resolución de Portos de Galicia mediante a que se aproba a modificación da concesión do Club Náutico.
Non obstante, a rexedora e o seu equipo entenden que os cambios propostos non son suficientes, xa que no caso do peirao perpendicular ao principal o único que se formula é unha redución na súa lonxitude "cando o que queremos é que se suprima totalmente, deixando só un único embarcadoiro".
A autorización de Portos de Galicia ao Club Náutico inclúe pois o desprazamento da pasarela e da rampla de acceso en aproximadamente tres metros, a alteración da súa aliñación ao embarcadoiro principal para conseguir unha plataforma con grúa para vela adaptada, o acurtamento do peirao norte-sur en 13,8 metros e do principal en 5,7 metros para mellorar a manobrabilidade, ao igual que naquel destinado ao sector pesqueiro. Todo iso obrigará a redistribuír as prazas de amarre que pasarán das 124 previstas inicialmente a 61.
"Trátase dunha importante rebaixa no volume e no espazo da concesión pero debe ir máis aló" comentaron dende o Executivo sanxenxino, que considera que o Centro Nacional de Vela Adaptada ten que dispoñer dunha infraestrutura axeitada, pero este equipamento non debe contar con elementos que levarían consigo un impacto negativo sobre o ámbito.
Relacionadas:
-
Portos de Galicia paraliza cautelarmente por "falta de seguridade" as obras do Náutico
Por Oskar Viéitez |
-
Indignación en Sanxenxo polos "destrozos" das obras do novo pantalán do porto
Por Redacción |
-
O Náutico de Sanxenxo renuncia ao pantalán situado fronte á praia da Panadeira
Por Redacción |
-
O Náutico de Sanxenxo atende as suxestións do Concello e as eleva a Portos
Por Oskar Viéitez |
-
"Alarma social" en Sanxenxo pola ampliación do Real Club Náutico
Por Redacción |