Cerdedo xa ten novo local social
Por Almu Dapena
O Concello de Cerdedo-Cotobade finalizou coas obras da construción do seu novo local social multiusos en Cerdedo. Trátase dun recinto de 290 metros cadrados que elevan o inmoble ata os 585 metros contando co almacén municipal.
O recinto permitirá acoller cursos de formación e moitas das actividades que se organizan ao longo do ano con especial preferencia para a terceira idade e a gardería.
A localización do multiusos atópase entre o CEIP San Xoán Bautista e o pavillón municipal e moi próximo ao cuartel da Garda Civil, a residencia e a gardería, contando cunha situación estratéxica e moi céntrica dentro do núcleo.
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade quixo mostrar a súa satisfacción ante a finalización das obras coas que terminan as actuacións previstas e coas que "quedan atendidas todas as necesidades dos veciños e das súas actividades culturais e formativas".