A asociación de nenos con diabete denuncia que o CHOP os deixou mes e medio sen atención específica
Por Oskar Viéitez
A recén constituída Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (Anedia) advertiu que no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) hai unha única pediatra especializada nesta enfermidade e que, en caso de ausencia desta facultativa, "non se lle substitúe". Por este motivo, levan mes e medio a área sanitaria de Pontevedra sen atención específica para esta doenza infantil.
A asociación iniciou unha campaña de recollida de firmas que presentarán ante a dirección do CHOP para esixir que se cubran as baixas da pediatra que trata aos nenos diabéticos.
Ana Pérez, voceira desta asociación, tamén reclamou a necesidade de que se implante un servizo de educación diabetolóxica para orientar a pacientes e familiares sobre pautas de alimentación, exercicio físico e administración de insulina. Unha formación que existe para os pacientes adultos, "pero non para nenos menores de 14 anos", explicou.
Esta asociación participou este xoves no acto convocado por SOS Sanidade Pública para expresar o seu rexeitamento á Lei de Garantías e Prestacións Sanitarias de Galicia que, segundo o Colexio de Médicos de Pontevedra, "se baseará en políticas restritivas" e provocará "a perda de calidade e a privatización do sistema".
O vicepresidente da entidade colexial, Jorge Nogueira, criticou nun manifesto que as políticas "de recortes" da Xunta son "socialmente inxustas e penalizan a cidadanía pola mala xestión, dilapidación e ineficiencia dos responsables directos da súa xestión".
Relacionadas:
-
O CHOP, disposto a ser o primeiro hospital de Galicia cun protocolo de atención a nenos con diabete
Por Redacción |
-
600 firmas para reclamar que substitúan durante o verán á pediatra especialista en diabete no Hospital Provincial
Por Anxo Lourido |
-
O CHOP aclara que os nenos con diabete foron atendidos "con normalidade" e os pais que "non houbo especialista"
Por Redacción |