800 familias solicitan participar no Banco de Libros de Texto
Por Diego Espiño
A segunda edición do Banco de Libros de Texto, centralizada na Casa Azul, conseguiu reunir preto de 10.000 exemplares de manuais escolares dende o terceiro curso de Primaria, que serán distribuídos entre os pais de 25 centros educativos do municipio.
Ata o momento segundo confirma a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, son xa 800 as familias que cursaron a solicitude para recibir unha axuda que pode supoñer un importante alivio económico: "é algo absolutamente necesario e un clamor social que os libros de texto se reutilicen, a xente o di cando chegan a entregar os libros, que para eles pode ser un descalabro económico se teñen que facerse cargo do gasto que supón, por exemplo, a unha familia con dous nenos".
Fouces instou a Xunta a que poña en marcha medidas similares que axuden ás familias máis modestas, e ademais criticou a actitude das editoriais: "unha vez máis quero denunciar ese truco das editoriais de facer pequenos cambios nos manuais do mesmo curso, materia e nivel, modificacións puntuais moi pequenas de feito que xa case non é o mesmo libro que o novo".
A concelleira confirmou ademais a tendencia, todos os que piden entregan habitualmente outros libros e a recollida céntrase na zona urbana pola proximidade entre familias do rural: "nos colexios do rural é onde menos se recolle porque hai conexión entre as familias, hai unha forma máis natural de facelo, coñécense e falan entre eles".
Á marxe do Banco de Libros de Texto algúns centros educativos, a través das asociacións de pais, organizaron tamén a súa propia recollida e distribución a pequena escala, sen entrar esta iniciativa municipal.