María Victoria Dobarro toma posesión como a nova coordinadora da DGT en Galicia
Por Redacción
A pontevedresa Maria Vitoria Gómez Dobarro xa exerce como coordinadora galega da Dirección General de Tráfico. Tomou posesión este martes do seu novo cargo como xefa provincial de Tráfico da Coruña, un posto que leva aparellada a responsabilidade de coordinar as accións da DGT en toda a comunidade galega.
Á súa toma de posesión, presidida polo delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, asistiron, entre outros,o secretario xeral da Dirección General de Tráfico, Cristóbal Cremades así como os xefes provinciais de Tráfico de Lugo e Ourense; o director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste; o comandante do Sector de Tráfico da Garda Civil e o capitán Xefe do Subsector de Tráfico da Coruña.
Na súa intervención, a nova coordinadora galega da DGT insistiu na idea de que "a loita contra os accidentes é algo que non se pode pospoñer". Para Dobarro, "a mellora da seguridade viaria é algo tan necesario desde o punto de vista humano como complexo de conseguir" e, para alcanzar ese obxectivo "a alternativa é seguir perseverando na introdución daquelas medidas cuxa efectividade xa se coñeza e continuar desenvolvendo outras novas".
Unha tarefa que, recordou, "non é dun só, senón unha responsabilidade compartida" para o que aboga por axuntar as contribucións de todos os axentes implicados xa que "tan importante é remar na mesma dirección como facelo de xeito sincronizado".
María Vitoria Gómez Dobarro é natural de Pontevedra, onde precisamente exerceu como xefa provincial de Tráfico desde o ano 2006. Pertence á Escala Superior Técnica de Tráfico. Substitúe no posto a Pedro Pastor del Castillo, tamén presente no acto deste martes, que se incorporará á Xefatura Provincial de Tráfico de Segovia.
Polo momento, descoñécese quen será o seu substituto á fronte da Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra.