Unha trintena de "perregrinos" completa a etapa da Ruta Xacobea entre Redondela e Pontevedra
Por Redacción
Agasallos e diplomas acreditativos agardaban este domingo na Peregrina á trintena de "perregrinos" que, en compañía dos seus donos e de voluntarios, están a percorrer o Camiño de Santiago grazas a unha iniciativa da asociación Pontepatas e da protetora Os Palleiros.
A concelleira de Benestar Animal, a socialista Paloma Castro, foi a anfitrioa do acto de recepción desta comitiva, que viña de completar a etapa entre Redondela e Pontevedra e na que se inclúen sete cans para os que Os Palleiros busca un fogar: Triana, Sau, Jota, Pere, Yuca, Tandy e Mara.
Tal e como explicou a edil do PSOE, "cada un deles é o protagonista dunha das sete etapas que o grupo pretende realizar (nesta ocasión foi Mara), coa finalidade de darlles visibilidade e de conseguirlles familias de adopción".
Un pano azul distingue aos "perregrinos" de Os Palleiros e un de cor verde aos 21 que pertencen aos socios do colectivo Pontepatas: Yako, Fox, Flash, Marco, Aldara, Kiran, Indy, Nala, Wilma, Roko, Shira, Ares, Odin, Shiva, Roco, Scooby, Indi, Bulma, Broli, Tyler e Cloe. Todos eles están identificados co seu nome e o logo do Camiño.