Reclaman unha actuación "inmediata" na estrada vella a Marín ante o "abandono" da Xunta
Por Redacción
Os veciños de Lourizán xa non aguantan máis. Están fartos do estado de "abandono e desleixo" da PO-546, a coñecida como estrada vella Pontevedra-Marín, e solicitan unha actuación "inmediata". Así o vén de reclamar a asociación Estriceres.
O escrito que presentaron ante a Xunta de Galicia, responsable desta estrada, vai acompañado dunha ampla reportaxe fotográfica que demostra o mal estado no se atopa.
Recordan que esta estrada soporta o paso de máis de 200 camións de gran tonelaxe que entran e saen diariamente de Ence, o que acelera o deterioro do firme, ademais dos problemas de ruídos e seguridade viaria para a veciñanza. A pesar diso, denuncian, o goberno galego non inviste no mantemento desta infraestrutura.
A isto engaden a obriga dos ciclistas a circular por esta vía, porque teñen prohibido a circulación pola autovía de Marín, polo que se ven "condenados" a convivir co tráfico pesado cos problemas de seguridade que provoca esta situación.
O colectivo veciñal esixe a limpeza e mantemento das beirarrúas, que están "invadidas" de silvas e herbas e nas que as arquetas de saneamento "desbordan" ou a reparación das lousas que están rotas ou levantadas e provocar a caída dos peóns.
Reclaman tamén unha urxente actuación entre os números 34 e 56 da avenida Montero Ríos, xa que o terreo está "a piques de desplomarse" e por el pasan os escolares a diario; o acondicionamento e reposición da sinalización horizontal e vertical, a reparación do firme da estrada ou a instalación de pasos de peóns elevados.
Ademais, Estriceres manterá unha xuntanza co concelleiro da parroquia, o nacionalista Alberto Oubiña, para falar de varios temas que afectan á veciñanza, entre eles as obras programadas, a posible ampliación da depuradora e o proxecto de novo emisario, ou o incumprimento do plan parroquial de investimentos.
Relacionadas:
-
O BNG leva ao Parlamento a reforma da estrada vella de Marín
Por Redacción |
-
Estriceres pide á Xunta a mellora da estrada vella de Marín por segunda vez en catro meses
Por Redacción |
-
Unha persoa resulta ferida nun accidente de autobús en Lourizán
Por Redacción |
-
Infraestruturas renova o asfaltado na estrada vella de Marín ao seu paso por Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta transfire a Pontevedra o primeiro treito da estrada vella a Marín
Por Alejandro Espiño |