Os veciños de Lourizán anuncian novas mobilizacións contra o proxecto de ampliación da depuradora
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A asemblea veciñal celebrada este sábado nos Praceres aprobou por unanimidade rexeitar a nova proposta da Xunta, que supoñería "triplicar a EDAR actual", asegura a Plataforma Veciñal de Lourizán.
Ante esta situación os veciños acordaron retomar as protestas, sen especificar aínda en que consistirán.
"A conselleira Ethel Vázquez vende o proxecto como unha decisión técnica, para xustificar a súa decisión. O certo é que hai un ano a Xunta presentaba 3 alternativas que consistían en ampliar a depuradora e esta última proposta é máis do mesmo. En lugar de solucionar os graves problemas do modelo actual insístese na ampliación", sinala o colectivo.
Na asemblea reivindicaron a necesidade de centrar esforzos en solucionar os problemas existentes con pluviais e a auga de mar. "Se despois de solucionalo aínda non fora suficiente, habería que exporse facer depuradoras para o Porto de Marín e para o polígono industrial da Reigosa", defenderon nun comunicado, porque "o que quere facer a Xunta é matar moscas a canonazos", critican os veciños.
Por último mostraron a súa "perplexidade" pola proposta da Xunta de construír un campo de fútbol na zona porque "non é da súa competencia e non o permite a lei de costas".