Os principais especialistas en oftalmoloxía cítanse esta fin de semana nun curso no Pazo da Cultura
Por Anxo Lourido
Máis de 300 persoas asistirán ao Curso del Atlántico Lifelong Learning sobre oftalmoloxía, que se celebrará o venres 18 e o sábado 19 no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Este curso atópase dirixido polo doutor Pedro Corsino Fernández-Vila, un dos xefes de servizo do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Esta mañá, o oftalmólogo e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais de Gonzalo Andrio, da empresa Bausch+ Lomb, presentaban esta cita que está catalogada como un dos eventos mellor valorados na península e mesmo internacionalmente en relación coas diferentes materias relacionadas coa saúde ocular.
Corsino explicaba que a selección dos 36 relatores que impartirán as conferencias se realizou entre os mellores profesionais do panorama estatal en todas as especialidades, desde o tratamento á superficie ocular ata as cataratas pasando pola neurooftalmoloxía, oftalmoloxía pediátrica, glaucoma, cirurxía plástica, cirurxía de córnea e refractiva ou os problemas que se producen nas retinas. Entre os especialista destaca o doutor parisiense Michel Tazartés que opera unha vez ao ano en España para tratar o tema da lipoestrutura. O propio Pedro Corsino analizará nunha charla se o glaucoma é unha enfermidade neurodexenarativa.
O director deste curso explicaba que para este evento, que chega á súa terceira edición, en lugar de organizar unha cea oficial convidan a que os asistentes percorran a cidade e gocen dos espazos públicos. Neste sentido indicaba que os asistentes se impregnan da cidade coñecendo tanto as opcións turísticas como gastronómicas.