Pontevedra probará medidores ambientais en Loureiro Crespo e O Castañal
Por Alejandro Espiño
Conseguir datos para "facer tanxible" o 'Efecto PO2' e poder apreciar os beneficios dos cambios urbanos na cidade. É o obxectivo de programa piloto que o goberno municipal de Pontevedra poñerá en marcha con motivo da reforma integral prevista para Loureiro Crespo e o barrio do Castañal.
A portavoz municipal, Anabel Gulías, explicou que o Concello traballa no deseño duns indicadores que, entre outras cousas, medirán cuestións relativas ao tráfico, á emisión de CO2, á contaminación acústica e lumínica e ao incremento da actividade económica.
Estas medicións "obxectivas" servirán, posteriormente, para cuantificar a mellora da calidade de vida das zonas da cidade que foron reformadas.
Esta experiencia medirá todos estes parámetros antes e despois da obra prevista na zona este de Pontevedra.
Para iso, xa se colocaron aforadores para recoller os datos da densidade de tráfico e das emisións de CO2 antes e despois da reforma, para poder comparalos despois cos que se recollan tras a intervención urbanística.
O mesmo sucederá coa contaminación acústica e lumínica para as que o Concello está a pedir presupostos a empresas especializadas. A intención do goberno municipal é recoller estas medicións, polo menos dúas veces por semana, en momentos diferentes do día.
Ademais, o 'Efecto PO2' tamén fará un seguimento do volume de poboación que vive no barrio a través do padrón e estase valorando a posibilidade de realizar un censo de actividade económica.
Para poñer en marcha esta experiencia piloto, que en parte asumirá persoal municipal, o Concello dispuxo dunha partida de 20.000 euros.
Anabel Gulías explicou que, a pesar de existir datos globais da cidade, este primeiro proxecto irá encamiñado a deseñar a metodoloxía máis adecuada para medir o impacto da transformación urbana e avanzou que o "óptimo" sería poder aplicala en intervencións futuras noutras zonas da cidade.
Relacionadas:
-
Unha pantalla en Campolongo ofrecerá información meteorolóxica en tempo real
Por Redacción |
-
Doce empresas presentan ofertas para reformar Loureiro Crespo e O Castañal
Por Redacción |
-
O Observatorio Urbano fará un estudo actualizado do efecto do modelo de cidade na calidade do aire
Por Natalia Puga |
-
A transformación de Loureiro Crespo e O Castañal, 'en parrilla de saída'
Por Alejandro Espiño |