Vilaboa celebra esta fin de semana a V Feira de San Martiño
Por Oskar Viéitez
O vindeiro domingo 10 de novembro, Vilaboa celebra a quinta edición da Feira de San Martiño no lugar do Toural.
Segundo salientou a tenente de alcalde Ornela Fernández esta feira naceu co obxetivo de crear un espazo de convivencia para toda a veciñanza de Vilaboa e as persoas que o visitan e, sobre todo, para "dar a coñecer e poñer en valor o producto local, para apoiar aos sectores productivos da nosa contorna e apoiar a aquelas persoas que manteñen as nosas tradicións e os saberes ancestrais a través da artesanía".
Como representación destas iniciativas locais, nesta edición colabora na organización da feira unha cooperativa local: Alcrique. Este é un proxecto de dous mozos de Vilaboa que apostan polos sectores productivos locais e que queren implantar o seu negocio de agricultura ecolóxica no municipio. Todas as súas hortas están no concello de Vilaboa e dispoñen desde fai un mes dun local de venda directa, onde ademáis de vender os seus propios productos, tamén apostan por outros productos ecolóxicos do país.
Ornela Fernández explicou que "un dos eixos da nosa política de goberno é o fomento da economía e do emprego local". A concelleira sinala que "se queremos que a poboación se fixe no rural e non marche a vivir á cidade, para poder dar continuidade ao noso concello, é fundamental a creación de empregos no ámbito local para evitar a fuxida da nosa mocidade".
Neste senso Ornela Fernández avanza que haberá outras inciativas e proxectos "que iremos desenrolando nos videiros meses e neste mandato", coas que o goberno local de Vilaboa pretende darlle a oportunidade a estas inciativas emprendedoras, "pero tamén abrir o abano de oportunidades á xente que quere emprender no noso concello", declarou, tenente de alcalde.
O domingo, as persoas que se acerquen ao Toural, poderán atoparse productos derivados do campo, da agricultura e da artesanía, pero tamén poderán desfrutar durante todo o día de diferentes obradoiros dirixidos ao público infantil e a xente adulta. Pola tarde, haberá uns obradoiros de cesterías e, pola mañá e pola tarde, outros de cogumelos.
Para poder anotarse aos obradoiros, pódese enviar un correo a ruralvilaboa@gmail.com ou directamente na feira.
Durante todo o día haberá música tradicional que amenizará a feira e actividades infantís, xa que durante toda a feira haberá instalada unha caravana con proxección de cine para familias baixo a responsabilidade da "Caixiña de Mistos".
Pero este non é o único día de celebración de San Martiño, xa que as actividades comezan o venres co concerto de Oradaladou, sobre Cancioneiro de Cotobade de Antón Fraguas. Será na Casa de Montes de Santa Cristina ás 20.30 horas.
E como remate á festividade local, o luns, día propio de San Martiño, e como ven fixado no calendario desde fai 25 anos, Vilaboa celebra o seu Magosto Popular a partir das 19 horas no Toural.