A Brilat participa nun exercicio que mobiliza case 6.000 militares, 750 vehículos e 12 helicópteros

Por Oskar Viéitez
Ata o próximo día 24 a base da Brilat en Pontevedra participa, baixo o mando da División Castillejos, no exercicio anual de adestramento 'Toro-19', o máis importante que leva a cabo o Exército de Terra e que leva acabo de forma simultánea en varias localidades de España, entre elas na base de Figueirido, Xeneral Morillo.
A execución do exercicio 'Toro-19' tamén ten lugar no campo de manobras de Chinchilla, en Albacete; na base Jaime I, en Bétera (Valencia); na base xeral Menacho, en Bótoa (Badaxoz); na base cabo Noval (Asturias) e na zona dos Monegros (Zaragoza), o que reflicte a envergadura, o grao de dificultade na coordinación das actividades que se desenvolvan e o esforzo loxístico que leva implícito.
Participan preto de 6.000 militares, 750 vehículos e 12 helicópteros.
Segundo informou o Ministerio de Defensa, este exercicio está enfocado a executar diferentes misións para mellorar o adestramento desde nivel división ata nivel grupo táctico.
O escenario exposto no exercicio 'Toro-19', permite que o adestramento das unidades participantes se poida orientar ás accións ofensivas que se desenvolven en conflitos de alta intensidade, nunha "operación de combate xeneralizado", contra un inimigo similar. Igualmente, permite desenvolver actividades orientadas a "incrementar a interoperabilidade e a capacidade de integrarse en estruturas multinacionais".
O Rexemento de Cabalería España 11 participará no exercicio constituíndo unha Agrupación Táctica Divisionaria, co apoio do Rexemento de Artillería Antiaérea 73, o Rexemento de Artillería 63, o Rexemento de Enxeñeiros 1, o Rexemento de Operacións de Información 1, o Rexemento de Transmisións 1, o Rexemento de Infantería 'Terzo Vello de Sicilia' 67 e o apoio loxístico proporcionado polo Grupo 3/61 de Vitoria.
Relacionadas:
-
O xeneral da Brilat xa contactou con Concellos próximos na procura de novas zonas para adestrar ás tropas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
O novo xeneral da Brilat márcase como reto ampliar espazos de adestramento fóra da base
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os artilleiros da Brilat gañan un concurso de patrullas Tui-Santiago moi rifado
Por Redacción |