Ferido un matrimonio con queimaduras nunha explosión nunha cociña en Bueu
Por Redacción
Unha muller e un home resultaron feridos con queimaduras de diversa consideración nunha explosión rexistrada cando se atopaban na cociña da súa vivenda, en Beloso, na parroquia de Cela, en Bueu.
Segundo informaron os servizos sanitarios, o matrimonio foi trasladado á unidade de queimados do Hospital Universitario da Coruña.
O suceso tivo lugar sobre as tres e media da tarde deste sábado. Esta parella estaba facendo unha fondué cando se inflamou o recipiente con alcol que un deles levaba na man producíndose unha explosión.
Ao lugar do suceso acudiron axentes da Policía Local de Bueu, da Garda Civil e unha ambulancia do 061. Os bombeiros do Morrazo foron alertados pero non foi necesaria a súa intervención.