Lores pide a Tráfico que inclúa medidas probadas "con moito éxito" en Pontevedra na nova normativa
Por Alejandro Espiño
Pontevedra quere que o seu modelo urbano sirva de referente para a redacción da nova normativa de Tráfico a nivel nacional. Así llo trasladou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a Javier Villalba, xefe da Unidade de Ordenación Normativa da DXT, no encontro que ambos tiveron en Madrid.
Durante a entrevista, que Fernández Lores mantivo como presidente da rede Cidades que Camiñan, ambos os dous dirixentes mostraron unha "gran sintonía", segundo trasladaron desde o goberno municipal pontevedrés.
"Agardamos que todas as propostas que fixemos sexan incluídas no regulamento", explicou a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, que lembrou que estas suxerencias son "froito de medidas probadas" e que, ao seu xuízo, tiveron "moito éxito".
Pontevedra, engadiu Gulías, é desde unha perspectiva global "o mellor exemplo de que estas medidas funcionan".
Entre outras cuestións, o alcalde pediu á DXT que se recolla na nova normativa de Tráfico que os 'lombos' son elementos redutores de velocidade e non obstáculos na calzada e que autorice aos titulares das vías para elaborar a súa propia normativa para regulalos.
Ademais, Lores reclama que se defina unha velocidade máis moderada nas vías convencionais nas que haxa tráfico peonil e que nas zonas urbanas se reduza a velocidade máxima e, por orde da DXT, pase de 50 a 30 quilómetros por hora.
Nas rúas de prioridade peonil, Pontevedra propón a Tráfico que se adopte a mesma solución que na Boa Vila, limitándoas a 10 quilómetros por hora para todo tipo de vehículos e que se protexa aínda máis os arredores dos centros escolares.
Pontevedra reclamou formalmente que se restrinxa o uso das beirarrúas aos peóns, prohibindo o paso por ela de monopatines, bicicletas ou vehículos de mobilidade persoal, coa única excepción dos que utilizan as persoas con mobilidade reducida.
De forma "anecdótica", explicou Gulías, o alcalde de Pontevedra pediu tamén que o sinal de perigo que alerta da proximidade dun colexio non se reflicta coa imaxe dos nenos, porque "o perigo non son os nenos senón os coches".
Relacionadas:
-
Lores, desde Cádiz: "As cidades aínda son almacéns de coches, espazos agresivos, perigosos, que expulsan ás persoas"
Por Redacción |
-
Pontevedra preside en Cádiz a Asemblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan
Por Redacción |
-
Primeiros controis do radar que "salta" a 12 quilómetros por hora
Por Oskar Viéitez |
-
Lores advirte que "antes ou despois" todas as cidades terán que tomar medidas ambientais
Por Redacción |
-
El Puerto de Santa María fíxase en Pontevedra para potenciar o seu comercio local
Por Redacción |
-
Tráfico pretende rebaixar á metade o número de vítimas mortais nas estradas provinciais, que en 2019 xa ascende a 22
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A 'améndoa central' de Pontevedra convértese en 'zona 10' esta mesma semana
Por Alejandro Espiño |
-
Pere Navarro mostra interese pola experiencia de Pontevedra co sistema de estacionamento de servizos
Por Redacción |