As cuartas Xornadas sobre Antropoloxía debaterán sobre o mundo das viaxes
Por Alejandro Espiño
A viaxe desde todas as súas dimensións: a viaxe turística, a migratoria, a de investigación, as expedicións ou as viaxes interiores. Esta cuestión centrará a temática da cuarta edición das Xornadas sobre Antropoloxía que se celebrarán os días 22, 23 e 24 de novembro no espazo cultural Nemonon de Pontevedra.
Os antropólogos Rafael Quintía e Cristina Valdés presentaron este mércores estas xornadas, acompañados polo edil de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, e destacaron que o mundo das viaxes será analizado desde un amplo abano de ópticas.
As xornadas xuntarán en Pontevedra a antropólogos, historiadores, exploradores e xornalistas e, segundo Quintía, o concepto da viaxe resulta moi interesante para ser sometido a estudo tanto pola súa actualidade como en referencia á cidade de Pontevedra.
"Nunca se viaxou tanto coma hoxe e, ademais, estamos nunha cidade que recibe moitos visitantes, turistas, e viaxeiros, porque non debemos esquecer a importancia do Camiño de Santiago", afirmou.
A primeira das conferencias programadas dará comezo o venres 22 ás 18.00 horas e terá como relatora a Cristina Valdés que abordará o fenómeno da viaxe turística, mentres que a antropóloga Carmen Arnau Muro, que leva máis de 20 anos facendo expedicións en solitario a Siberia, achegará a perspectiva da viaxe como ferramenta de traballo na antropoloxía.
O sábado 23, a xornada da mañá comezará coa conferencia de Luzía Oca, unha das maiores especialistas en grupos de migrantes caboverdianos en Galicia e que achegará a perspectiva da "viaxe cando é obrigatoria" e José Luis Cardero analizará a morte como idea de viaxe ao longo da historia.
Xa pola tarde, o xornalista Santiago del Valle falará das súas expedicións arqueolóxicas ao Perú e Diego Cortijo mostrará a visión romántica e aventureira das expedicións.
As IV Xornadas sobre Antropoloxía pecharán o domingo cunha visita ao Parque Etnoarqueolóxico Outeiro das Mouras de Salcedo, que dará comezo ás dez da mañá.