Un símbolo internacional para recoñecer as discapacidades que non son visibles
Por Oskar Viéitez
Representantes da Federación COGAMI-Pontevedra, Alcer Pontevedra, ASEARPO, Asociación Galega de Linfedema (AGL) e Amizade sumáronse este mércores á presentación do símbolo internacional da Discapacidade Orgánica (DisOrganic), que levou a cabo de maneira simultánea en 41 cidades españolas, para tratar de facer visible a discapacidade orgánica.
A presentación tivo lugar na entrada principal do Hospital Montecelo, e nela tamén participou o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e a directora médica, Estrella López-Pardo.
Esta campaña pretende difundir problemáticas que viven persoas con discapacidade orgánica como son a falta de recoñecemento, invisibilidade e incomprensión como consecuencia das alteracións que se orixinan no interior do corpo humano e que pasan desapercibidas pola maioría da poboación.
A discapacidade orgánica prodúcese por alteracións que se orixinan no interior do corpo humano. Algúns sistemas corporais presentan unha perda de funcionalidade relacionada cos órganos internos ou con procesos fisiolóxicos. Estes órganos poden ser os riles, fígado, o corazón, os pulmóns, pero tamén falamos da coagulación do sangue, o aparato dixestivo, o sistema linfático, o aparato locomotor, o sistema inmune ou o sistema nervioso central.
As persoas con discapacidade orgánica son moi diferentes entre si e atopan problemáticas moi diversas. Algunhas delas son limitacións na vida diaria, a necesidade de seguir tratamentos e atención sanitaria continuada, elevados graos de dolor, ser máis vulnerable a infeccións e poden derivar en discapacidade física.
Nesta campaña de presentación de DisOrganic, dende o movemento asociativo de COGAMI aproveitan para reclamar que os servizos de valoración da discapacidade en moitos casos non recoñecen oficialmente a discapacidade orgánica, por non dispoñer dun baremo de valoración equitativo, xusto e que cumpra cos criterios da clasificación internacional do funcionamento, da discapacidade e da saúde.
Relacionadas:
-
COGAMI inicia un novo curso de inserción laboral en Monte Porreiro
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
Amizade pide espazos accesibles para que as persoas con discapacidade gocen dos espectáculos masivos na rúa
Por Redacción |
-
O Día da Discapacidade une ás entidades sociais nunha "paraugada" de cores
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Comezan os trámites para dotar dunha residencia a Amencer e un centro de día a Amizade
Por Oskar Viéitez |
-
A ría de Pontevedra, un campo de regatas inclusivo
Por Redacción |
-
14 persoas fórmanse como auxiliares de panadería nun curso de Cogami
Por Redacción |